A capela de San Miguel

Imprimir
PDF


A "Alta Idade Media" en Celanova. Ou nacemento do monacado en Galicia.

Do conxunto monástico fundado por San Rosendo, o único resto arquitectónico que permaneceu no tempo é o oratorio de San Miguel, finalizado no ano 942 en memoria do seu irmán Fraila, como indica a inscrición situada sobre a porta de entrada, que non é senón unha pregaria a Cristo, de "Fraila pecador e indigno servo de Deus".

A capela, construída con perfectos silares de granito, mide 8,5 m. de longo por 6 m. de alto; ocupando unha planta de 22 m2. Tanto exterior como interiormente se distinguen tres volumes ou corpos.

O primeiro, polo que accede ao interior, é unha nave cuberta con bóveda de canón.

O segundo é un corpo central de maior altura que os outros dous, con bóveda de arestas de ladrillo e cun voladizo exterior identificado polas características ménsulas de rolo.

O terceiro espazo é a ábsida, ao que se accede por un arco de ferradura con alfiz para dar cunha bóveda gallonada.

Tanto polas súas dimensións como pola singular configuración arquitectónica que a identifica, a capela de San Miguel constitúe un exemplar único na Península Ibérica e un modelo que resulta indispensable coñecer para poder entender os tempos de repoboación cristiá, xa non soamente en Galicia, senón en todo o norte da Península.

 

 

 

 

      ©2012 - Concello de Celanova.                                                                                                                               Aviso legal | Accesibilidade | Contacto | Mapa web | RSS| Correo